Bacanal historiográfica urbi et orbi

José Ramón Rodríguez Lago
Profesor de Historia Contemporánea na Universidade de Vigo - jrlago@uvigo.es

Cando aínda me repoño da resaca producida tras tres meses de estadía investigadora en Roma, chégame o amable convite do amigo Miguel Cabo para participar nunha das moitas iniciativas coordinadas polo grupo Histagra. En tempos nos que a investigación científica vese sometida a todo tipo de rigores, orzamentarios e doutrinais, é de celebrar que os que coidamos no coñecemento histórico como o mellor xeito de afrontar os retos do século XXI, dispoñamos de eficaces vías de divulgación e de debate. O obxecto do meu artigo non podía ser outro que algunhas das reflexións realizadas durante a miña estadía na única cidade do mundo que é sede á súa vez de tres suxeitos de Dereito Internacional: a República Italiana, o Vaticano e a Soberana Orden del Malta.

Entre os temas de conversación cos colegas italianos e cos chegados doutros países, sempre sae a colación o feito de seren aínda moi poucos os investigadores españois que se aventuraron a pescudar entre os arquivos da cidade eterna. Se a actual deriva de drástica redución de proxectos e estadías de investigación esténdese por moito tempo, moito me temo que seremos aínda menos. Non obstante, son moitos os alicientes que converten á cidade en cita de referencia imprescindible para calquera historiador. Se os ricos arquivos do Estado Italiano ofrecen un conxunto documental con grandes posibilidades; e os da moi influinte e pouco coñecida Soberana Orden dos Cabaleiros de Malta supoñen un indubidable desafío; son os numerosos arquivos eclesiásticos os que certifican que a cidade segue sendo caput mundi dende a perspectiva historiográfica. Os fondos documentais da Biblioteca Apostólica, as múltiples seccións do Arquivo Secreto Vaticano, e a recente apertura do Arquivo da Congregación para a Doutrina da Fe (antes Santo Oficio, e previamente Inquisición), permiten escudriñar no seo da primeira corporación centralizada de carácter global, dende a análise da súa complexa política exterior, á situación particular de cada diocese e a súa evolución ó longo do tempo. Unha información que para o período contemporáneo* aparece recollida nas linguas oficiais propias de cada Estado e na lingua italiana, hexemónica e indiscutible entre a curia vaticana.

Por se isto fose pouco, mais alá dos muros pétreos do Estado Vaticano, os numerosos arquivos centrais da cada unha das congregacións relixiosas introdúcennos nas súas complexas dinámicas internas, nas súas políticas de expansión, e nos seus encontros e desencontros cos diversos modelos de imperialismo aplicados en cada un dos continentes. O inmenso e excelentemente organizado repertorio documental do Arquivo Central dos xesuítas, onde o latín impera como lingua franca, é unha proba do que pode atoparse nos arquivos de franciscanos, dominicanos, bieitos, claretianos… que permiten achegarse a un coñecemento historiográfico de dimensións globais. A documentación atesourada nestes arquivos, ben rexistrada, aparece detallada de forma sistemática en numerosos libros de índice, e o mais importante, conta con un acceso público guiado pola profesionalidade e o rigor científico, ben afastado dos mitos excitados pola literatura de ficción (Dan Brovn dixit) e das prácticas escurantistas tan propias de arquivos eclesiásticos doutros lares. Vindo de Galicia, onde con contadas excepcións, a documentación propia do século XX gardada nos arquivos eclesiásticos mantense baixo o veo dunha censura só aliviada baixo trato de favor, o acceso profesional ós fondos dos arquivos vaticanos e romanos resulta cando menos reconfortante.

Como pode supoñerse doadamente, o valor desta inxente masa documental vai moito mais alá da mera análise da realidade eclesiástica. O seu estudo permite coñecer a evolución dos acontecementos culturais, sociais, económicos e políticos de cada sociedade dende o ambiente local e parroquial, á esfera internacional.

Con unha Igrexa católica con pretensións universais son moi limitados os espazos territoriais e os parámetros sociais que escápanse de tal análise. Os numerosos informes confidenciais asinados de maneira sistemática por cada un dos nuncios, os bispos, os superiores das congregacións relixiosas, e os dirixentes católicos segrares mais notables; as múltiples demandas e denuncias chegadas dende cada parroquia; e as respostas e os silencios das diversas seccións da curia vaticana ante toda esta información, permiten observar aos ollos da Igrexa, pero tamén dos seus competidores no mercado mundial, a paisaxe e a paisanaxe propios de cada acontecer histórico.

Por suposto, mais alá destas imaxes evocadas pola lectura incesante en arquivos e bibliotecas, Roma estará sempre disposta a engadir maior desmesura se cabe a esta bacanal historiográfica, urbi et orbi. Á marxe do grandioso parque temático auspiciado polo legado romano e cristián, sempre poderemos saborear a historia viva do século XX dialogando con o deseño urbano e a peculiar idiosincrasia de barrios como Testaccio, San Lorenzo, EUR, o Garbatella, onde os sonos e os pesadelos do novecento conviven en decadente harmonía. Paisaxes e conversacións que estimularán a nosa imaxinación e promoverán unha nova reflexión sobre a complexa incidencia dos condicionantes históricos nas experiencias vitais das xentes. A Roma eterna, pagá ou cristiá, pero nunca santa, ten moito que ofrecernos os historiadores que procuramos entendernos a nós mesmos. Ademais, os romanos sempre se amosarán dispostos a recibirnos con un cariñoso saúdo. Ciao!


* En xuño de 2006 os arquivos eclesiásticos do Vaticano e de Roma abriron aos investigadores a documentación producida durante o pontificado de Pío XI (1922-1939). A apertura da documentación do longo pontificado de Pío XII (1939-1958) parece xa inminente, o que, sen dúbida, incrementará o seu interese historiográfico.