A Exposición Vivir da Terra. A loita do campesiñado galego (1925 – 1975) poderase visitar en Ribadavia durante o mes de maio

O pasado 5 de maio o Museo Etnolóxico de Ribadavia (MER) inaugurou na capela da Madalena daquela vila a exposición: Vivir da Terra. A loita do campesiñado galego (1925 – 1975) que permanecerá en exhibición até finais do presente mes, no marco das actividades que o MER organiza con motivo da celebración do Día Internacional dos Museos 2017 (18 de maio), adicado este ano á temática: Museos, historias controvertidas: decir o indecible nos Museos.

No acto de presentación da mesma, Raúl Soutelo e Daniel Lanero Táboas, investigadores do proxecto de investigación: Movilización social y poder local: la España rural entre la continuidad y el cambio político (1968 – 1982) (MINECO – HAR2014 – 55150P), pronunciaron unha conferencia que levou por título: “Museos, escola e memoria social da Galicia do século XX: algunhas reflexións a partir da exposición Vivir da terra. A loita do campesiñado galego (1925 – 1975)”

Vivir da terra… é unha exposición e un recurso didáctico on – line que fai un percorrido pola historia do campesiñado galego durante o século XX, cunha especial atención á conflitividade social experimentada polo noso mundo rural  nas décadas de 1960 e 1970, en directa relación cos profundos procesos de cambio estrutural que este experimentou e coa paulatina recuperación da mobilización política dende os anos finais do franquismo e durante a Transición.