Histagra

Presentación do libro "Revoltando á terra" en Arzua Ecolóxica

Presentación do libro "Revoltando á terra" en Arzua Ecolóxica

Este sábado preséntase o libro Revoltando a terra no marco da 15ª Feira Ecolóxica de Arzúa. O encontro terá lugar ás 12:00 do sábado 19 no Recinto Feiral Terra do Queixo de Arzúa, na aula 3 e contaremos coa presenza de Fran Quiroga, co-editor e co-autor da obra, quen xunto a oito investigadores das universidades galegas co-escribiu este libro co se pretende favorecer un debate necesario sobre o mundo rural hoxe en día. O obxectivo deste libro é tratar de elaborar un novo discurso sobre o mundo rural e/ou agrario galego, coherente e plural á vez, un novo relato para o agro que parte da experiencia común dos oito grupos de investigación participantes na rede REVOLTA de agroecoloxía, da que xorde este traballo.

Esta obra é o resultado dun experimento, dunha escrita colaborativa. Durante dous días, nove investigadores da rede ReVOLTA de agroecoloxía xuntáronse para elaborar de forma colectiva este traballo. A través da metodoloxía do book sprint creouse unha obra en común, que racha coa tradicional redacción de textos por separado. Grazas a esa metodoloxía procurábase que emerxera a intelixencia colectiva dos Investigadores da Aldea que participaron neste experimento.

A co-autoría deste experimento é de investigadores da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade de Vigo e son Xoan Carlos Carreira, Emilio Carral, Beatriz Corbacho González,Francisco Javier López González, Edelmiro López Iglesias, Teresa Rodríguez López e Xavier Simón sendo coautores tamén e coordinadores Fran Quiroga e Lourenzo Fernández Prieto, director de HISTAGRA, un dos oito grupos que sustenta a rede ReVOLTA de agroecoloxía. Ademais a obra conta cun collage da artista Elena MostoenVena. 

A obra editada por Bolanda Editorial traza un diagnóstico do mundo rural e agrario galego actual; así como aporta un novo marco teórico do que botar man e recolle unha selección de 10 experiencias innovadoras que teñen abrollado no pais ao longo dos últimos anos e que poden servir de exemplo para ser replicadas noutros contextos.

Agardamos poder contar coa túa presenza.