Histagra

Inaugúrase na Facultade de Xeografía e Historia da USC a exposición 'Vivir da terra. A loita do campesiñado galego (1925-1975)'

Inaugúrase na Facultade de Xeografía e Historia da USC a exposición 'Vivir da terra. A loita do campesiñado galego (1925-1975)'

Dende o 20 de maio e até o vindeiro 7 de xuño, poderase visitar no terceiro andar da Facultade de Xeografía e Historia da USC a exposición  “VIVIR DA TERRA. A LOITA DO CAMPESIÑADO GALEGO (1925 – 1975)”. A mostra - deseñada tamén como recurso didáctico on – line para estudantes de ensino medio - é o resultado da colaboración entre o equipo do proxecto de investigación “Mobilización política e conflitividade social nun contexto de grandes cambios: a Galicia rural durante o tardofranquismo e a transición (1960 – 1982)”, a Asociación SINE NOMINE de Profesores/as de Ensino Secundario e a Fundación 10 de Marzo de CCOO de Galicia.

Trala súa exhibición na Facultade de Xeografía e Historia da USC a mostra poderá ser visitada no outono na Biblioteca pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela. Posterioremente, percorrerá diferentes facultades universitarias e centros de ensino secundario, ademais de asociacións de veciños e centros socio – culturais de diversas localidades do país.

Con esta iniciativa, o proxecto de investigación “Mobilización política e conflitividade social…” dá un paso máis cara á consecución dun dos principais obxectivos que se marcou no comezo da súa andaina: a divulgación social dos seus resultados de investigación.

VIVIR DA TERRA. A LOITA DO CAMPESIÑADO GALEGO (1925 – 1975)  

“A Galicia rural ten sido vinculada ao atraso, á inmutabilidade, ao conservadurismo e ao caciquismo. Sen negar a existencia histórica de actitudes sociais e políticas conservadoras, o certo é que a nosa realidade é bastante máis complexa.

Dende finais do século XIX, producíronse transformacións socieconómicas, políticas e culturais moi profundas que mudaron por completo a face do mundo rural. Xunto con períodos de escaseza material, estancamento produtivo e regresión política e social —como a longa posguerra posterior ao conflito de 1936-1939— existiron etapas e movementos democratizadores, de construción da sociedade civil e de modernización económica. É o caso do agrarismo de comezos do século pasado.

Porén, esta exposición didáctica céntrase na mobilización política e nos múltiples conflitos sociais que tiveron lugar na Galicia rural dos anos finais da ditadura franquista e da transición. Presenta á súa contribución á conquista social da democracia para integrar mellor ó agro na explicación do cambio histórico na segunda metade do século XX”.