Histagra

Xornadas sobre as éticas dos coidados en Vincios

Colocar a vida no centro e vivir vidas que merezan a pena ser vividas. Así de simple e complexa é a proclama do colectivo Raias Traveseiras, colectivo dinamizador deste quinto módulo (re)produtivo do Programa de Estudos en Mancomún (PEMAN). Terá lugar o vindeiro sábado e 18 de marzo na parroquia de Vincios, Gondomar. Baixo o título Defender a terra, sustentar a vida. Éticas feministas desde os montes de Vincios está condensada unha sesión aberta á participación e teórico-práctica que conta coa especial colaboración da Comunidade Veciñal de Vincios e a Casa Colorida.

Este módulo componse de tres partes: un Comité-foliada de sabias locais con veciñas de Vincios o venres ás 20h na Casa Colorida, Nigrán, o obradoiro de Raias Traveseiras o  sábado ás 10. Depois dun xantar colectivo realizaremos un roteiro dinamizado pola Comunidade de Montes para afondar no patrimonio material e inmaterial da Comunidade, que xestiona o monte veciñal da parroquia, integrada na Mancomunidade de Montes do Val Miñor. Trátase dunha comunidade participativa e innovadora que entende o monte como un espazo mulifuncional no que teñen cabida actividades como a forestal, a gandeira, a cinexética, a social intensiva e extensiva  industrial, as canteiras artesanais e por suposto a protección do monte.
Protexer a terra na que a vida se sustenta dende perspectivas ecofeministas é o principal obxectivo Raias Traveseiras que dende 2012 ven facilitando un espazo aberto, flexíbel e horizontal de denuncia das políticas capitalistas, migratorias, e patriarcais. Actúan en base a tres vectores: sensibilización e denuncia, formación e  xeración de pensamento crítico, e impulso de iniciativas de  transformación social en torno ao feminismo e ecofeminismo, coidados e  migracións.

Esta sesión será unha indagación colectiva sobre as achegas da economía feminista e do ecofeminismo para poder analizar a realidade de forma integral e achegar posíbeis respostas coletivas dirixidas a colocar a sustentabilidade da vida no lugar que se merece. Os eixos Feminismos, Ruralidades e Comúns están entrelazados e debullándoos traballaremos a economía feminista, na que o facer común e a valorización dos
coidados teñen unha especial relevancia; as cadeas transnacionais de coidados; a crise de reprodución social e crise ambiental, co conseguinte impacto sobre o medio rural.

O enfoque pedagóxico estará centrado na construción colectiva do coñecemento a partir das vivencias e saberes previos das participantes, e asumimos que reflexión e acción son aspectos indisociábeis da praxe social. O fin último é catalizar iniciativas de transformación e emancipación, tanto no ámbito persoal como social e ambiental.

O Modulo é de acceso libre e gratuito previa inscrición. Se queres participar envía un email a info@estudosenmancomun.gal
(a selección farase por rigorosa orde de inscrición)

Máis información en: http://estudosenmancomun.gal/events/obradoiro-defender-a-vida-sustentar-a-terra/

Esta sesión enmarcase dentro do Programa de Estudos en Man Común Ruralidades, Comúns e Feminismos que é un espazo crítico de pensamento e acción, impulsado pola Universidade de Santiago de Compostela, a través do grupo de investigación HISTAGRA, os sete grupos pertencentes a rede REVOLTA e o colectivo Montenoso, e conta cunha amplia rede de colaboradores.