Histagra

Aberta a participación para impulsar maquinaría agrícola en código aberto

Aberta a participación para impulsar maquinaría agrícola en código aberto

O grupo de investigación HISTAGRA participante na Rede ReVOLTA (xunto a outros seis grupos de investigación das universidades galegas), o colectivo de creación contemporánea Montenoso, a ONG Enxeñería sen Fronteiras, o colectivo Makers de Lugo, a Asociación Galega de Amigos de Maquinaría Agrícola Clásica, e o Colexio Alcalde Xosé Pichel de Coristanco impulsan EU AMO FEDELLAR, unha comunidade de desenvolvedores/as de maquinaría agrícola en código aberto.

O movemento Open Source ten aberto un amplo abano de posibilidades de desenvolvemento de programas, aparellos, ... por parte de comunidades, tanto no ámbito do hardware libre, o software libre e tamén, como non podería ser menos no ámbito da maquinaría agrícola en aberto. Estas comunidades de desenvolvedores/as destacan pola apertura do código e a posibilidade de remezcla e uso por parte da cidadanía interesada, facilitando que todo aquel que este interesado poda fedellar, fozar no seu aparello e amañar por si mesmo a súa propia maquinaría.

A proposta de EU AMO FEDELLAR insírese dentro do movemento das economías en código aberto e parte de dúas fontes principais, a primeira a capacidade propia dos galegas e galegas que historicamente veñen acreditando unha capacidade de autosuficiencia e por outro lado parte do proxecto Open Source Ecology, unha comunidade que leva traballando tempo no desenvolvemento de maquinaría agrícola en código aberto.

Esta comunidade aberta á participación impulsa un primeiro lugar de encontro no que parar a pensar que facer con estas habilidades. Este terá lugar o venres 23 de outubro no Museo Integrado de Maquinaría Agrícola Clásica situado en Trasliste, Láncara (Lugo) e quere ser unha mostra de diferentes accións relacionadas coa maquinaría agrícola en código aberto, a evolución da innovación tecnolóxica ou a necesidade de impulsar a robótica no medio rural.

O encontro é aberto, pero é preciso inscribirse mandando un correo a rede.revolta@usc.es antes do mércores 21 de outubro.

O programa

11:00-11:10 Presentación xornada
11:10-11:40 A innovación tecnolóxica ao  longo da historia_Lourenzo Fernández Prieto [Catedrático de Historia Contemporánea da USC]        
11:40-12:10 Non Intente facer isto na súa casa: Experiencia persoal no deseño e manufactura dun produto calquera_Pablo Blanco [Montenoso]          
12:10-12:40 As tecnoloxías non son neutras_[Enxeñería Sen Fronteiras]
12:40-13:00 Café-debate
13:00-13:30 Por unha robótica Open Source no rural_Tucho Mendez [CPI Alcalde Xose Pichel Coristanco]        
13:30-14:00 Ou de como amañar un tractor con arduino_Jesús Toural [Makers Lugo]          
14:00-14:30 Maquinaría agrícola clásica, unha actividade innovadora_Marcos Vázquez [Asociación Galega de Amigos de Maquinaría Agrícola   Clásica]
14:30-15:00 Conclusións do Encontro

A localización do Museo está na parroquia de Trasliste, concretamente no lugar A Eirexe, e o nº o 1. Para chegar é mellor ir pola N-VI, ao chegar á parroquia de Gomeán (O Corgo), na rotonda de enlace coa autovía, seguir 50 m. e tomar a pista que pon "O Alto Santalla", cando se chega a esta parroquia (hai un indicador e unha caseta de parada do bus escolar) apartar á esquerda e seguir ata a Igrexa de Trasliste, alí, coller á dereita e xa está a Museo Integrado de Maquinaría Agrícola Clásica-Casa de Vázquez .
Palabra clave do evento: #euamofedellar

Máis información do evento: http://revolta.usc.es/gl/nova/euamofedellar/