Histagra

O inacabado como potencia guiou a conversa en Friol da man do Programa de Estudos

O inacabado como potencia guiou a conversa en Friol da man do Programa de Estudos

Máis de corenta persoas, entre as que se atopan comisarios de arte e investigadores, xuntáronse esta semana en Friol para abordar o fenómeno do urbanismo e a forma de habitar o noso territorio, no marco dunha sesión guiada por Ergosfera, un colectivo de arquitectos que vén traballando desde hai tempo na necesidade de tecer relatos contrahexemónicos arredor dos procesos de construción de vivendas e as formas difusas de habitar o territorio.

A xuntanza celebrada no concello lugués de Friol constituíu o primeiro encontro aberto do Programa de Estudos en Man Común Ruralidades, Feminismos e Comúns, impulsado pola USC a iniciativa do grupo de investigación Histagra, liderado por Lourenzo Fernández Prieto. Este proxecto sobre os común conta coa coordinación do colectivo Montenoso, que integra un amplo número de actores sociais, como museos, espazos autoxestionados e comunidades de montes, e recibe financiamento da prestixiosa fundación franco española Daniel & Nina Carasso. Este espazo experimental de pensamento procura impulsar novas metodoloxías de aprendizaxe arredor de eixos como son os comúns, as ruralidades e os feminismos.

O Encontro aberto á participación da cidadanía celebrado en Friol configurouse como un obradoiro rota que comezou no consistorio e rematou no local social da comunidade de montes de O Carballo. A través dese tránsito fóronse analizando as diferentes tipoloxías de espazos que se sitúan á beira da estrada que une ambas localizacións. Así, o debate transitou por cuestión dispares, desde a importancia do inacabado, a reivindicación do proceso, a intersección entre o público e o privado e, sobre todo, a necesidade de entender como o territorio debe habitarse en función das necesidades e usos que a cidadanía ten.

Ademais de estudar esta problemática de diversa tipoloxía, este encontro tamén deparou un espazo para compartir inquedanzas coa comunidade do monte veciñal de O Carballo (Friol), un colectivo que leva apostando pola multifuncionalidade do monte como espazo produtor de recursos e forma de valorización do lugar.

Nova xuntanza en Allariz
A próxima sesión aberta do Programa de Estudos en Man Común terá lugar en Allariz o vindeiro 10 de decembro. Esta sesión desenvolverase a partir das 17.00 horas nas dependencias do Fogar dos Maiores, onde todas as persoas participantes poderán tomar parte no obradoiro ‘Pensar a(s) comunidade(s): O conflito entre novas e vellas maneiras de habitar o rural galego’. Esta actividade estará dinamizada por responsables do colectivo Aldeas de Bogo.