Histagra

A renovación tecnolóxica da agricultura galega, 1850/1939: Estado, sociedade e innovación nunha economía campesiña

Duración:

Autor: Lourenzo Fernández Prieto
Director: Ramón Villares Paz
Ano: 1990   
 
 
RESUMO
 
«A presente investigación forma parte dun esforzo colectivo realizado na área de Historia Contemporánea da Universidade Compostelá, encamiñada a afondar no coñecemento e a interpretación da Historia da agricultura galega contemporánea, baixo a dirección do profesor Ramón Villares. Convén consideralo, polo tanto, unha peza dun conxunto explicativo máis amplo, pois enmarcado neste adquire a súa correcta dimensión. Esta parcelación da realidade a investigar contribúe, segundo indica a nosa experiencia, a mellorar as posibilidades de interpretación de procesos históricos complexos.
O estudo da innovación técnica que experimenta a agricultura galega entre a crise agraria de finais do s. XIX e o inicio da posguerra civil, obriga frecuentemente a unha formulación positiva e empirista case inevitable. (...) El obxecto desta investigación é a descrición e explicación do cambio tecnolóxico na agricultura galega dende a crise finisecular do s. XIX ata a guerra civil español. O mito de atraso da agricultura galega é moi forte. Tratarei de demostrar que este mito depende tanto dun punto de vista equivocado coma dun verdadeiro descoñecemento do proceso histórico de desenvolvemento do capitalismo na agricultura galega.
Na primeira parte o traballo ocúpase dos límites do desenvolvemento da agricultura campesiña no s. XIX e as vas propostas de innovación dos economistas do momento. Estas propostas non estaban dirixidas a unha agricultura campesiña como a galega senón á dos grandes propietarios.
Na segunda parte analizo os condicionantes institucionais e sociais da innovación técnica para explicar o cambio agrario ao longo dos primeiros corenta anos do s. XX. Ponse atención á explicación da creación da rede institucional de investigación agraria e a súa difusión en Galicia, promovida polo Estado para estender os novos métodos e técnicas agrícolas para mellorar a produción agraria para o crecente mercado interior. Tamén se trata a creación das organizacións campesiñas e a súa relación coas transformacións agrarias modernas. (...) Neste proceso as organizacións agrarias foron o instrumento usado polos sectores máis dinámicos do campesiñado para fixar os límites e as características da innovación, así como para adaptar á economía campesiña ás novas condicións e demandas do mercado (...); o esforzo cooperativo para comercializar produtos ou compara insumos non deixa lugar a dúbidas.
Por último, a terceira parte recolle a descrición e explicación dalgunha das melloras reais que se levaron a cabo na produción animal e agrícola. Inténtase demostrar ata que punto as condicións produtivas cambiaron máis en función dos intereses campesiños que dos do mercado, que non obstante condiciona as orientacións produtivas. Isto evidénciase no caso das melloras gandeiras, mecánicas e dos cultivos; tan só queda parcialmente fóra o emprego de fertilizantes. Aínda que a sentenza pareza rotunda, o modo de produción capitalista tan só transformou a medias as formas de explotación campesiñas.
Mais a situación modifícase substancialmente como consecuencia da guerra civil e, sobre todo, da longa e autárquica posguerra. As novas condicións sociais, políticas e económicas de posguerra determinarán un modelos de desenvolvemento diferente ao da preguerra e sobre o que se asenta en definitiva a actual realidade agraria galega. As constantes renovadoras das décadas anteriores e viron freadas case en seco e mudaron nunha medida que unicamente apunto nesta investigación. Cando se recuperen, a principios dos anos sesenta, farano no marco dun modelo substancialmente diferente.