Histagra

Historia Ambiental e Historia Forestal

Esta liña de investigación pretende realizar unha análise histórica da realidade forestal contemporánea na súa vertente económica, social, política, institucional e ecolóxico ambiental, tratando de proporcionar unha visión sintética, razoada e multicausal da súa variada problemática durante o período correspondente ós séculos XIX e XX, o que conleva o estudo do cambio no réxime de propiedade, a análise dos múltiples usos dos espazos forestais e a súa evolución no tempo, a comprensión da súa imbricación co sistema agrario e industrial e a conflictividade xerada ao abeiro destas cuestións, tendo sempre moi presentes os procesos políticos, as realidades económicas e os condicionantes medioambientais.

Pola súa parte, a historia ambiental estuda os sistemas sociais dende o punto de vista da súa coevolución cos sistemas naturais, prestando especial atención aos condicionantes que estes impoñen ao desenvolvemento dos primeiros e ao impacto que as accións sociais teñen sobre o seu entorno. Trátase polo tanto de reinterpretar o pasado en clave de sustentabilidade, desentrañando a relación que as sociedades establecen coa natureza ao longo do tempo e localizando históricamente as orixes da crise ambiental que hoxe vivimos. Este enfoque adquire así unha vocación eminentemente práctica xa que mediante o estudo das transformacións socioecolóxicas do pasado pretende tamén orientar a futura transición do actual modelo industrial cara unha relación co medio que sexa sustentable, e non só na súa vertenta ambiental, tamén na social.