Histagra

O mundo rural: do liberalismo á Segunda República

Esta liña de investigación ten como obxectivo o estudo do mundo rural entre a Restauración e a Guerra Civil (1936-1939) dende múltiples perspectivas, coa evolución sociopolítica como denominador común e poñendo en relación os ámbitos galego, español e europeo cun constante esforzo comparativo. Analízase a política pero non unicamente dende a súa concepción máis clásica e limitada (procesos electorais, partidos…) senón tentando entendela dende o punto de vista da socialización política da poboación rural e de qué concepcións políticas se manexaban nas diferentes épocas, partindo dunha concepción non unidireccional e de arriba abaixo senón multidireccional e de constante negociación formal e informal entre os diferentes actores.

No ámbito social son de interese aspectos como o impacto da emigración, o xogo dos marcos identitarios de referencia (local, comarcal, galego, español), a conflictividade e a delincuencia cotiás, o xogo de influencias recíprocas das formas tradicionais e novidosas de difusión cultural e ocio, as concepcións relixiosas, a educación e un longo etcétera. Un papel sobranceiro é reservado para as diferentes modalidades asociativas.