Histagra

Guerra civil, franquismo y transición

O período que comeza co Golpe de Estado de xullo de 1936, a Guerra Civil e a Ditadura franquista, ocupan un lugar fundamental na historia política e social da Galicia contemporánea. As máis notables investigacións que se veñen realizando neste eido nos últimos anos xurden do grupo HISTAGRA, en particular arredor do tema da represión-violencia de retagarda no período da Guerra Civil, dos procesos de consolidación e/ou resistencia relativos ao réxime ditatorial e, moi recentemente, da conflitividade e mobilizacións do período do Tardofranquismo e da Transición.

Diversas publicacións seminais e proxectos como “Nomes e Voces” avalan a traxectoria do grupo como un referente nos estudos sobre fenómenos de violencia masiva e da memoria histórica, nun ámbito estrictamente galego-español e tamén internacional. O grupo ven realizando ademais Teses de Doutoramento e publicando monografías e artigos científicos especificamente adicadas ao tema da conformación do Réxime Franquista dende un punto de vista institucional e tamén das actitudes de consenso/consentimento da poboación. Alén destes análises referidos ás décadas iniciais do franquismo, existen xa investigacións en curso que atenden ao período serodio do réxime, ligando os cambios socio-económicos no mundo rural dos anos sesenta e setenta, coas mobilizacións e conflitividade da Transición política á Democracia.

A continua renovación das investigacións neste campo temático converten ao grupo nun referente historiográfico, tanto pola novidade das perspectivas que se veñen achegando, como polo feito de que o  bagaxe do grupo inclúa un extenso fondo documental, oral, escrito e fotográfico, de fontes orixinais referidas a estes temas.