Histagra

Mobilización política e conflitividade social nun contexto de grandes cambios: a Galicia rural durante o tardofranquismo e a transición (1960 - 1982)

Duration:

Daniel Lanero Táboas (IP)
Referencia:10PXIB210151PR
Entidade financiadora: Xunta de Galicia. Consellería de Economía e Industria. Dirección Xeral de I+D+i.
Orzamento: 37.145,00 euros
Duración 2010 - 2013

 

RESUMO

A nosa proposta de investigación pretende achegarnos ó coñecemento da sociedade rural
galega durante un período de algo máis de dúas décadas (1960-1982), caracterizado por
decisivas mudanzas políticas e pola intensa mobilización de múltiples sectores das
sociedades galega e española. Dende comezos da década de 1960, e malia á activa
propaganda de (re)lexitimación do réxime baseada nos éxitos do desarrollismo
(crecemento económico, modernización da estrutura productiva , progresivo acceso da
poboación á vivenda e a algúns bens de consumo...) o franquismo vai padecer un continuo
deterioro interno. As transformacións experimentadas pola sociedade española, como o
relevo xeneracional, o acceso de sectores importantes da poboación á educación superior,
a relativa apertura da opinión pública, ou a limitada extensión de novos comportamentos
sociais e gustos culturais procedentes do exterior (a través da emigración e do contacto
co turismo), coinciden cunha maior presenza da política e do debate político na vida
cotiá dos galegos e do conxunto dos españois. A esta recuperación (moi limitada e
fortemente vixilada) da política no seo da sociedade civil e da opinión pública
contribuiron tamén as dúbidas plantexadas por cal sería o futuro do réxime máis aló da
morte do dictador, así como a certa lonxanía que vai ir adquirindo a memoria da Guerra
civil para as xeneracións nacidas despois de 1940.

Xunto con estas mudanzas, o mundo rural experimentou por si mesmo grandes cambios
estruturais en este período: unha moi brusca transición demográfica, a desestruturación
das comunidades rurais tradicionais ou a industrialización da agricultura (Rev. Verde).

Baixo este marco xeral asístese a unha progresiva intensificación da conflitividade
social e das manifestacións de oposición política á dictadura. Se no cerne do proceso
estiveron organizacións políticas clandestinas de diverso signo (comunistas, anarquistas,
católicos ou nacionalistas) as mostras de disidencia co réxime faranse socialmente máis
inclusivas segundo avancen os anos, coa mobilización de sectores significativos da
poboación e coa reactivación ou xurdimento de movementos sociais (mov. obreiro, mov.
estudantil, mov. veciñal, mov. feminista, mov. ecoloxista...) cun programa de
reivindicacións colectivas que sobarda os límites dos discursos  e obxectivos de partidos
e sindicatos.

A sociedade rural galega non foi durante o franquismo e a transición, un ámbito de
absoluta paz social. Mesmo nos momentos de maior intensidade represiva por parte da
dictadura, como a década de 1940, verifícanse conflitos no seo das comunidades rurais, en
torno de políticas estatais como a repoboación forestal, a fiscalidade ou a ríxida
intervención económica do sector agrario. Ó igual que en algunhas cidades e vilas do
país, no mundo rural houbo manifestacións puntuais de descontento que precederon ós
conflitos que tiveron lugar durante as décadas de 1960 e 1970 e que manteñen algún tipo
de vencello con estas últimas.

O conflito social tiña unha presenza estrutural (secular e cultural) nas comunidades
rurais galegas, que contaban coas súas propias estratexias de resistencia (contra os
señores primeiro, contra o Estado máis adiante) e cuns repertorios da protesta que non
deixaron de empregar durante toda a dictadura e no período da transición, se ben
reactualizándoos ou adaptándoos en función do carácter de cada conflito, dos rivais a
enfrontar, dos aliados posibles e, sobre todo, das oportunidades e expectativas ofrecidas
por un contexto político tan aberto, imprevisible e cambiante como os anos terminais do
franquismo e a transición á democracia (1973-1982).

Entre 1960 e 1982, a conflitividade social na Galicia rural resposta a unha tipoloxía
trinaria na que este proxecto desexa afondar en canto ó seu coñecemento:

a)        Conflitos ambientais
b)        Conflitos fiscais
c)        Conflitos provocados polo  prezo de venda dos productos agropecuarios

Entre os primeiros destacan os relacionados coa usurpación de bens comunais de uso
agrario para a súa explotación industrial (construcción de encoros, transformación
industrial de minerais e áridos…). Dos segundos, as protestas contra á cuota empresarial
da Seguridade Social. Finalmente, entre as varias guerras agrarias, tivo unha especial
incidencia en Galicia, a guerra do leite.

A preocupación central do noso proxecto será ofrecer unha interpretación global sobre
como se construíu socialmente a protesta na Galicia rural do tardofranquismo e a
transición, que vencellos mantiña co pasado e que elementos novos aportou, baixo que
formas e por medio de que canles se manifestou, en que medida contribuiu ó proceso xeral
de democratización...

Non entendemos a sociedade rural galega como un obxecto de estudo illado e por iso
buscamos coñecer o seu lugar no máis amplo proceso de mudanzas sociais e políticas da
época, así como a súa interactuación con outros movementos sociais e organizacións
políticas cunha orixe e composición sociolóxica predominantemente urbana.