Biografía de Martin de Garay

Theses
Autora: Nuria Alonso Garces
Director: Ramón Villares Paz
Ano: 2007   
 
RESUMO
 
«Dende hai tempo Martín Garay foi obxecto de estudo a causa do interese que espertou en historiadores e economistas a súa reforma de Facenda de 1817, a cal impulsou o camiño cara ao moderno sistema fiscal que tomou corpo a mediado do s. XIX co proxecto de Mon (...) Pero nunca ten sido posto de relevo dun modo suficiente o seu papel nos importantes proxectos e decisións políticas de que formou parte e que contribuíron dun modo determinante ao derrubamento das vellas estruturas do Antigo Réxime. Permaneceu no esquecemento durante dous séculos o seu decisivo papel na Xunta Central onde procurou o apoio internacional, especialmente británico, á causa española contra Francia, ademais das súas xestións para asegurar e preparar a convocatoria de Cortes no medio de múltiples trabas postas polos partidarios do continuísmo, as súas achegas á configuración moderna de institucións como o Consello de estado ou o ministerio de Fomento, o impulso económico aragonés tras a guerra de Independencia a través da Canle Imperial, a adhesión incondicional ao réxime do Trienio, etc. Pero é que ademais, se creou unha controversia que distorsiona en gran xeito o seu papel e importancia na Historia de España (...) nos que se pon en dúbida dende o seu pensamento liberal ata a súa valía profesional e mesmo moral (...) e persistiron no tempo algunhas desas ideas e creouse unha corrente que quizais deba a súa orixe ao feito de facer aceptado o ministerio de Facenda do goberno absolutista de Fernando VII, o cal parece non lle ter sido perdoado (...)
Pero a importancia dun innovador no campo da política e a Administración do Estado como este, esixen con urxencia que todo eles sexa solucionado. Non resulta axeitado volver vincular máis a Garay co absolutismo nin dubidar do seu pensamento liberal, cando lemos informes que falan da necesidade de separación de poderes ou de limitar as atribucións da Coroa e controlar o monarca, e que ao seu empeño se debese a convocatoria en Cádiz das Cortes que formarían a primeira Constitución liberal de España.
O descubrimento do seu arquivo privado que permaneceu na casa de La Almunia de Doña Godina (Zaragoza) ata a súa morte e que ao longo de douscentos anos pasou de man en mans aos seus descendentes ata que a final chegou ás miñas, permite reconstruír paso a paso a súa vida e achegar luz sobre as súas verdadeiras ideas e pensamento».